Homenaxe na vila de Fisterra

Categoría: Opinión

Paso triste e silandeira as páxinas do xornal. Traxedia en Haití, Folga … Reparo na homenaxe que Fisterra lles rendeu aos que perderon a vida no mar, coincidindo co 50 aniversario do afundimento do Bonito. Aqueles once tripulantes nunca apareceron.
No acto, amais de bágoas de dor, houbo funeral, cánticos, palabras emotivas, relación nominal das 88 vítimas do último século, versos, flores e coroa de loureiro lanzada ao mar.
A seguir descóbrese unha placa de bronce nun canto rodado ao pé da lonxa.
Tamén merecen esta homenaxe as viúvas, pais e orfos que sobreviviron á ausencia deses seres queridos. Algunha das mulleres, nai de catro fillos, emigrou a Inglaterra quedando a nena maior, de 14 anos, a cargo dos irmáns, cubríndolles as necesidades vitais e administrando os ingresos que dúas mans femininas lles mandaba mesturados cos bicos desde outro país. Por iso, a continuación dos versos gravados no bronce eu engado estoutros de Rosalía Vin a noite que nunca se acaba / na miña alma soia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email