Homenaxe a Paco del Riego

Categoría: Nova

Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres a Francisco Fernández del Riego.

Para don Paco ía ser un venres máis. Sen embargo, a vida tíñalle reservada unha visital moi especial. Os seus amigos e compañeiros das súas dúas grandes creacións, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, visitábano na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos os galegos e galegas sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como "inesquencible" e como "un agasallo". Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara.
A homenaxe, merecida, non pode chegar nunca a estar á altura do labor de Francisco Fernández del Riego, quen botou a andar a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia, dúas institucións do galeguismo civil sen as que é imposible entender a realidade de Galicia. Na compaña de Xaime Isla, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e tantos outros sacrificados loitadores nos tempos máis escuros, Paco del Riego soubo erguer dous alicerces de futuro no medio da negritude máis absoluta, cando todo era tan difícil que ata o máis cativo xesto de galeguidade semellaba imposible de materializar. Tantos anos despois (o domingo pasado a nosa editorial cumpría 60 anos), seguimos aquí, abeirándonos e aprendendo con don Paco o que significa a dignidade e a fe nun proxecto fermoso de país.
Unha homenaxe merecida, sentida, debida. Por unha vida honrosa que nos honra compartir.

Comparte nas túas redes sociais ou por email