A Galicia viva de alén mar. Os alumnos e alumnas do Instituto Arxentino Apostol Santiago, o centro que escolariza en Bos Aires, con programa educativo galego, máis de medio millar de nenos e rapaces, dende a educación infantil ao preuniversitario, vén de outorgar un ano máis o seu Premio a unha persoa ou institución que se teña salientado a prol da cultura galega nas súas relacións coas colectividades emigrantes e, máis concretamente, coa realidade bonaerense.
Neste ocasión a persoa escolleita foi o profesor e académico Henrique Monteagudo, compañeiro da Editorial Galaxia e codirector, xunto con Víctor F. Freixanes, da revista GRIAL.
Nunha carta oficial que o alumnado enviou ao premiado argumentase, entre outras razóns, a atención constante que Henrique Monteagudo vén dedicando ás varias Galicias de alén mar, non so a Galicia arxentina, e a alta estima que no centro docente se ten pola súa obra, tanto no plano académico como no que atinxe á súa actividade como dinamizador cultural.
En anteriores edicións o Premio Rosa dos Ventos foi concedido a Víctor F. Freixanes, Luis González Tosar e Manuel Rivas.