Gracia Santorum

Categoría: Recensión

Todos os anos enfrontámonos a un novo reto: sabermos máis do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas. Para isto podemos optar por varios camiños: lermos todo canto sexa posible do autor en cuestión e tirar as nosas propias conclusións. Evidentemente, esta sería a mellor vía aínda que é a máis complicada e a que esixe maior dedicación. Cando non temos o tempo suficiente, ou cando aínda non sabemos por que obra comezar, as editoriais galegas preparan sempre un feixe de libriños e de ensaios que nos achegan o autor ou a autora e que nos facilitan enormemente o camiño.
Desta volta, este presente ano 2013, contamos con este Un chapeu negro e un nariz de pallaso publicado pola editorial Galaxia, texto e documental que nos introduce tanto na personalidade como na escrita deste xenio teatral. Así, ambos, convértense nunha ferramenta imprescindible e magnífica para explorar o mundo de Roberto Vidal Bolaño. No propio documental poderemos velo a el, ben próximo, e poderemos escoitar a xente que o rodeaba no seu traballo e que o coñeceu profundamente, dende o seu fillo ata a súa parella, dende os actores que el mesmo dirixía ata as estudosas da súa obra. Particularmente, quedo coa anécdota que conta un dos actores cando el lle pide que introduza unha frase no momento que crea conveniente, e, claro está, faino tatexando, pero coa aprobación do autor-director-actor.
O texto do libro é ante todo un texto comunicativo, lixeiro e profundo, analista e detallista ao mesmo tempo que xeral. Como se compón un texto así? Profundando na obra e nas ideas, pero sabendo que o público non é especialista e necesita aprender doadamente, algo que abofé consegue Montse Pena. Desta volta, é doado saber que obra queremos ler primeiramente, por cal seguiremos e como nos imos enfrontar a todas elas. A clave, nun chapeu negro e un nariz de pallaso.
Por suposto, isto non está completo. Non quedemos aquí e vaiamos ler a estupenda obra de Vidal Bolaño. Paga a pena. Tedes vinte obras para escoller.

Comparte nas túas redes sociais ou por email