Galaxia publicará a “Narrativa reunida” de Luísa Villalta

Categoría: Nova

A comezos de abril, a Editorial Galaxia publicará, na súa colección Literaria, o libro de Luísa Villalta, homenaxeada co Días das Letras Galegas 2024, Narrativa reunida, que recolle a obra narrativa que publicou en vida.

O volume estará conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo.

Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva.

E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. Un libro de forte carga simbólica arredor da nosa identidade como país.

Con Narrativa reunida, a Editorial Galaxia quere poñer a dispor dos lectores e lectoras estas tres obras, hoxe inencontrables, dunha escritora múltiple, poeta, dramaturga, ensaísta, tradutora e narradora. E á que é preciso ler en todas as súas facetas literarias para facerse unha idea da complexidade e calidade do seu corpus creativo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email