Galaxia publica en edición facsimilar os Álbums de Guerra de Castelao

Categoría: Nova

Por primeira vez en edición facsimilar a partir das láminas orixinais, os tres álbums publicados por Castelao durante a Guerra Civil chegan estes días ás librarías

Galaxia pecha o seu ano literario despois de máis dun cento de novidades, coa publicación dos tres Álbums de Guerra de Castelao. A recuperación deste capítulo fundamental da obra gráfica do autor rianxeiro realízase ademais nesta ocasión, e por primeira vez, partindo das láminas orixinais que se conservan no Museo Provincial de Pontevedra.

Ademais, a diferenza doutras edicións previas, desta volta Galaxia publicará os tres álbums por separado e mantendo as características orixinais dos seus formatos. Deste xeito, cada un dos cadernos conseva as medidas, calidades e tonalidades elixidas no seu día polo autor para saíren do prelo, aproximándose o máximo posible ás edicións revisadas por Castelao.
Os álbums de guerra, publicados entre 1937 e 1938, conteñen as estampas debuxadas para denunciar a barbarie do bando fascista durante a Guerra Civil. Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos son os títulos destes tres cadernos onde o Castelao humorista e retranqueiro, mesmo cando se trataba de facer denuncia social, deixa paso aquí a un Castelao que quere ser cronista do seu tempo inmortalizando nun berro desesperado a masacre fascista.
Velaquí a testemuña dun período escuro, un espisodio da nosa historia que ten reflexo fundamental nestes tres álbums de guerra que agora volvemos poñer á disposición do público galego en edición facsimilar. Títulos fundamentais para entender a obra de Castelao e ampliar aínda máis o seu perfil intelectual durante a Guerra Civil. Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos regresan agora ás librarías con máis que dicir ca nunca.

Comparte nas túas redes sociais ou por email