Unha proposta que estuda o fenómeno deportivo feminino.
Despois de inaugurar a colección O noso deporte co libro Manuel de Castro. Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez, que homenaxea o centenario do RC Celta; este novo libro, escrito da man de Héctor Pena, pon en valor a relación da muller co fútbol.
Son moitas e moitos os que insisten en dicir que o fútbol era “cousa de homes”. A realidade é que a participación das mulleres neste deporte comeza milenios antes da súa estandarización por parte dos ingleses en 1863, resistindo heroicamente desde aquela a todos os intentos de afastalas da súa práctica.
En Historia do fútbol feminino en Galicia repásase todo ese traxecto de resiliencia e sororidade, con especial énfase na súa historia en Galicia. Héctor Pena repasa a historia futbolística, desde os tempos de Irene González, ata a actualidade, na que a xeración de ouro das Vero Boquete, Mari Paz Vilas e compañía comezan a abrir paso a unha nova fornada de talentos.
Libros como este serven de referente para todas as amantes do fútbol que veñen detrás, para tirar abaixo prexuízos propios e colectivos, para que todas as rapazas poidan apoiarse en exemplos reais e saber que poden loitar por ser quen queiran ser.
Esta non é a primeira vez que a Editorial Galaxia explora o mundo deportivo, xa o fixo en libros como o plural O libro do fútbol, unha escollida selección de once autoras e autores para pór en palabras a emoción e a paixón polo fútbol.
Héctor Pena (Compostela, 1985) é xornalista, historiador e doutorando en Turismo Deportivo na Uvigo. Gañou o Premio Johán Carballeira de Xornalismo (2023) pola súa “Historia inacabada do deporte galego”, publicada en Nós Diario, onde é o responsable da sección de Deportes. Antes escribiu e colaborou en DXT Campeón, O Dez e Xornal de Galicia. En 2021 comisariou a exposición de Vía Galega Galiza, un pobo, unha selección, á vez que elaborou o guión do coumentaal e dirixiu a revista e o xornal homónimos. Tamén escribiu oslibros Historia del Trofeo Teresa Herrera (2015), Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo (2017) e A pioneira (2023).