Hai uns días presentábase á prensa en Vigo a nova programación do Festival Kerouac de poesía e performance. Dentro desta nova programación, que arrincaba o pasado xoves 4 de outubro, Galaxia é un ano máis unha das entidades colaboradoras. Así, o sábado 6 de outubro ás 19:30h estaremos na Terraza do Corte Inglés de Vigo con dúas actividades: presentando o libro+dvd Versogramas, publicado na nosa colección Libro-Cinema e que contén o documental dirixido por Belén Montero e Juan Lesta; e tamén achegando ao público o poemario Pantallas, de Celia Parra. Acompañándoos estará Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Versogramas, un documental creativo arredor do panorama internacional da videopoesía, está producido por Esferobite, coa coprodución da Televisión de Galicia, e trátase do primeiro documental de longa duración en explorar o fenómeno da videopoesía, un xénero artístico de crecente popularidade, e conta coa participación de vídeopoetas como Yolanda Castaño, Antón Reixa, Iria Pinheiro ou Dionisio Cañas.
Sempre disposta a experimentar coa linguaxe e a buscar novos camiños de expresión, Celia Parra accede en Pantallas ao dicir poético dende a realidade cotiá dos dispositivos electrónicos, os códigos binarios, a virtualidade e as memorias sempre difusas, inmediatas e volátiles, dos trebellos que nos circundan e fan ser a clase de almas que agora somos.
Unha cita imperdible!