Ao longo da tarde de onte a web Fervenzas Literarias fixo públicos os resultados da súa tradicional enquisa ás lectoras e lectores sobre o mellor publicado e acontecido no pasado ano. Non imaxinades cal foi a nosa ledicia ao descubrirmos que foramos escollida por vós como mellor editorial deste 2017. Entre os premiados algúns dos grandes títulos do pasado ano.
Así, Os nenos da varíola, o libro co que María Solar encheu de adolescentes os teatros galegos para falar de ciencia e literatura, descubriu un placa no Hostal dos Reis Católicos e cativou a miles de lectoras e lectores, acadaba o premio ao mellor libro de literatura xuvenil. Tamén foi premiado como mellor libro de ensaio e investigación Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) o primeiro volume dunha novidosa biografía da nosa autora máis canónica a cargo da profesora María Xesús Lama, un libro que vai camiño de se converter nun clásico imprescindible en calquera biblioteca.
Entre os mellores de cada categoría atopamos a Miguel Anxo Fernández entre os autores do ano e o seu Blues para Moraima entre as mellores novelas. Tamén na categoría de narrativa apareceron destacadas O xardineiro dos ingleses de Marcos Calveiro, Á sombra dos bonsais de Antón Riveiro Coello, Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira, Sapos e sereas de Ana Cabaleiro e A vida sinxela de Marcelo Firmamento de Vanesa Santiago, que aparecía entre as mellores capas para adultos grazas ao deseño de Hayat Husein. Entre o mellor da poesía do 2017 Corpo de Antiochia de Tamara Andrés e Na casa da avoa de Marta Dacosta, no ensaio, Identidade e afectos patrios de Ramón Villares, e no teatro, Na butaca de Sther F. Carrodeguas.
No eido da banda deseñada, e entre os mellores ilustradores, destacou o compilatorio do Tonecho de Xaquín Marín, un libro que é proba da aposta de Galaxia por darlle unha maior visibilidade a este xénero na nosa lingua. Entre as traducións escollidas, O facedor de teatro de Thomas Bernhard, traído do alemán por Catuxa López Pato, e O cidadán perfecto de Raquel Ricart i Leal, e versión dende o catalán de Malores Villanueva. Acompañando a María Solar no top 10 dos mellores libros xuvenís, O monstro de Ille de Jorge Emilio Bóveda; e no campo da literatura infantil atopamos A pel do mundo de Berta Dávila, tamén entre as mellores cubertas de LIX pola ilustración de Alba Cid, e a edición 15 aniversario de Que contan as ovellas para durmir? de Kiko da Silva.
Por todo isto, grazas lectoras e lectores que nos acompañades e nos dades folgos para iniciar este 2018 que virá cheo de libros!
Podes consultar as listaxes de cada categoría ao completo aquí.