Os profesores Camiño Noia e Bieito Arias serán os encargados da edición que, o vindeiro ano, a nosa editorial realizará do manuscrito de Pedro Otero, localizado na Biblioteca Nacional polo profesor Manuel Angel Candelas, e que leva por título 'Ystoria dela Santa Yglesia de Iria Flavia y translacion ala compostelana'.
O documento ten un valor histórico incalculable, na medida en que son algo máis de cen folios, que hai que datar no primeiro terzo do século XVIII, escritos na nosa lingua en plenos Séculos Escuros (finais do século XV ata finais do XVIII) nos que a nosa lingua estaba perdendo posicións dunha maneira terrible despois da auxe que experimentara a nosa lírica en toda Europa. Dada a escaseza de textos en galego dese período histórico, o valor destes folios resulta claro e indiscutible.
Segundo os profesores que van realizar a edición, trátase dunha completa historia de Galicia e vai ser unha ferramenta de traballo esencial para filólogos e historiadores, moito máis, segundo destaca Noia, que a 'Crónica de Santa María de Iria', códice escrito por Rui Vásquez en 1468.