Editorial Galaxia e a Fundación Carlos Casares queren poñer a disposición dos lectores as palabras pronunciadas nos III Encontros de Mondariz-Balneario, que tiveron lugar en setembro do ano 2005. A finalidade destes encontros é a de reunir xentes de distintas procedencias ideolóxicas e profesionais para discutir temas políticos e culturais de transcendencia internacional, nun ambiente que fuxa por igual da urxencia do xornalismo e do especialismo propio dos congresos universitarios. O éxito dos II Encontros, no ano 2004, que tiveron como eixo o debate O goberno do mundo. Presente e perspectivas do estado nacional(Editorial Galaxia, 2006), permitía encarar a organización dos III Encontros con optimismo. O título elixido para esta ocasión, Violencia e conflitos bélicos no novo século, pretendía ser un punto de partida para reflexionar sobre as transformacións da guerra no mundo global. Asistiron como poñentes Xosé Fortes Bouzán, Felipe Fernández-Armesto, Miguel Ángel Fernández, Alberto Oliart, Rafael Vilasanjuán e Bernard Cassen.
Cal é a natureza das "novas guerras"? Cales son as perspectivas da chamada guerra contra o terrorismo? Que relación existe entre guerra e información? É concebible un mundo sen guerra? Son algunhas das preguntas ás que tentaron responder os historiadores Xosé Fortes Bouzán e Felipe Fernández-Armesto, o almirante da Armada española Miguel Fernández, o ex-ministro de Defensa Alberto Oliart, Rafael Vilasanjuan, representante de Médicos sen fronteiras, e Bernard Cassen, director xeral de Le Monde Diplomatique e cofundador e presidente de honra de ATTAC.
Os V Encontros de Mondariz-Balneario, que este ano levan por título América Latina e o futuro, tiveron lugar os días 25, 26 e 27 de setembro no Hotel Balneario de Mondariz. Os participantes nesta quinta edición foron Carlos Taibo, Roberto Mansilla, Marcelo Cavarozzi, Ramón Máiz, Araceli Burguete, Carlos Malamud e o Ministro de Cultura de Venezuela, o galego Francisco Sesto Novás (Farruco Sesto).