Francisco Castro, “Xuntos”

Categoría: Opinión

Como naquel libro de Anna Gavalda que editamos en Galaxia hai anos, ‘Xuntos e máis nada’. Así levamos dende 1950. Xuntos. Lendo contigo en galego. En papel, mais tamén neste soporte web ou en libros electrónicos ou, non o dubides, nos formatos que virán no futuro. Dende a nosa fundación hai 66 anos, xuntos contigo e moi conscientes de que a nosa historia vai unida ao do país. E que se Galaxia ten sentido é porque sabemos que Galicia é un destino. O destino no que nos gusta estar. A historia á que queremos pertencer.

Hoxe inauguramos a nosa nova web. Dentro dela, este blog que estás a ver. A través de todos estes espazos, iremos dando conta do noso día a día, dos libros que publicamos, das ideas que se nos pasan pola cabeza e que queremos compartir con vós. Compartir, partillar, é agora a verba clave. Este novo espazo é claramente social. A golpe de clic podes enviar calquera artigo, calquera ficha dun libro, un vídeo, un audio, unha fotografía, calquera material da web, do blog, das redes sociais, a calquera parte do universo virtual onde están os teus seguidores, galegos ou non, que lean na nosa lingua ou non.

Tanto tempo despois, dende esta nova plataforma, dicimos que seguimos xuntos. E tan felices.

Comparte nas túas redes sociais ou por email