Voz fundamental da poesía galega do século XX e XXI.
O pasado luns finaba a poeta e académica galega Luz Pozo Garza aos 97 anos de idade. Nacida en Ribadeo no ano 1922 e por mor da violencia franquista contra da súa familia, concretamente de seu pai, tivo unha infancia marcada polas viaxes (vivíu en Marrocos de nena) e pola música, arte esta que vai deixar fonda pegada na súa vida e na súa poesía. Vai ser recordada por todas e por todos pola calidade do seu traballo lírico máis, sobre todo, pola súa personalidade aberta, comprometida e sempre solidaria. Publicou os seus primeiros traballos en cabeceiras míticas como La noche ao tempo que desenvolvía unha fecunda carreira como profesora de Lengua Española en institutos de Vigo e Nigrán. O seu primeiro poemario, O paxaro na boca do ano 1952 vai convertila rapidamente nunha das poetas galegas de referencia, polo seu dicir sensual, profundo e auténtico. Se a poesía ten que servir para explicar o mundo, a de Luz Pozo Garza explicábao, abofé. Na súa produción hai fitos como o Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) ou Deter o día cunha flor (2009). Como ensaísta publicou traballos fundamentais na Editorial Galaxia como Álvaro Cunqueiro e ‘Herba de aquí e acolá’ (1991) ou Tres poetas medievais da Ría de Vigo (1988). Recibiu os galardóns máis importantes da lírica galega, entre outros, o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo no ano 2019.