Fina Casalderrey

Categoría: Recensión

Hai moitos libros galegos que pagan a pena… Pero no momento en que escribo, malia estarmos no mes de xullo, chove en Lérez, e paréceme unha boa ocasión para comezar a ler, sen présa —para ir bebéndoo pouco a pouco, como beben os paxaros—, Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes.

Gústame a maneira na que o narrador relata os acontecementos, a chuvia mollando o mundo… Nunca unha partida de cartas deu para tanto. Esa tensión do xogo descrita a cámara lenta nos momentos finais da partida. Todo, alí, comprometido. As respiracións, as olladas… Mantén moi ben a intriga, convenientemente dosificada. É a crónica dura deses soños afogados da emigración, pero tamén recuperados, mesmo resucitados, coma os de Amalia. Namoroume especialmente esta personaxe. Creo que hai nesta novela moitas chiscadas que denuncian, destapan a situación da muller no momento narrado, distintos tipos de mulleres "que teñen soles ben diferentes". Fala da ambición que trouxo o wolfran, a reivindicación, a rebeldía, a traizón, o amor e o desamor, a bondade e a maldade, a morte, a guerra, a opresión, o caciquismo, o medo, a emigración, os abusos, a ignorancia de todos aqueles que —espidos de capacidade emprendedora, de ganas de salvar o seu mundo—, con cartos, pensaron que xa abondaba para sacar adiante unha Vilanova decrépita e viciada co consentimento de todos os vilanoveses…; tamén da intelixencia natural e intuitiva, o fracaso, a derrota, o machismo, a superación… No fondo segue a ser a metáfora do que arestora acontece: esta partida na que os bancos e os sucesivos gobernos consentidores xogan cos aforros dos traballadores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email