A filla do minotauro chega a Compostela

Categoría: Nova

Estes días chegaba ás mesas de novidades das librarías A filla do minotauro, a nova novela de Marilar Aleixandre que lle valeu á autora o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil que convoca a Deputación da Coruña. Un libro onde se nos conta unha historia de aventuras (xénero que leva practicando a autora dende sempre) sobre unha organización clandestina dedicada a salvar obras de arte. Unha novela vibrante que nos deixa sen alento xa dende as primeiras liñas e que, entre outras cousas, nos fará entender que somos, tamén, o noso patrimonio, a historia que nos construíu, o que outras e outros, antes, fixeron por nós. Unha novela, en definitiva, que as e os seareiros da vizosa obra de Marilar Aleixandre recoñecerán como unha das mellores entre as súas.
Ademais, este luns estarémola presentando en Compostela. Será na Libraría de Mulleres Lila de Lilith ás 20:00h. Marilar Aleixandre estará acompañada do escritor Héctor Cajaraville, a vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín e o director xeral de Galaxia Francisco Castro. E por suposto, vós tampouco o podedes perder!

Comparte nas túas redes sociais ou por email