Chega ás librarías A derradeira bala

Categoría: Nova

Estes días chega ás librarías A derradeira bala, a pexa de teatro para adolescentes coa que Fernando Castro Paredes gañou o I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño.
Luciano é descuberto intentando desertar da guerra e, despois de ser xulgado polos seus superiores, é condenado a morte. Á mañá seguinte, será fusilado coa última bala que garda o pelotón. Mais o amor pola música de Luciano e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño.
Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e a ironía. A derradeira bala pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo, e axúdanos a ver como ás veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta co medo a tomar decisións, a realizar cambios e emprender un novo camiño.
 
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email