Naceu en Ferrol o día 15 de outubro de 1917. Fillo dun militar de artillería, axiña tivo que trasladarse á Coruña, onde estudou o bacharelato. En 1933 iniciou os estudos de Medicina en Santiago de Compostela, rematados en 1943 por mor do tráxico paréntese da Guerra Civil, na que serviu de sanitario en varias frontes.
Como ciruxián de pulmón e corazón, traballou en Bilbao nun hospital antituberculoso. De volta en Galicia, instalouse en Vigo en 1950, onde abriu consulta privada, que logo abandonaría, para dedicarse plenamente á medicina ambulatoria dentro dos Servizos de Saúde da Seguridade Social. En 1956 casou con Mimí Alonso da Cuña, coa que tivo tres fillas e un fillo.
Profundamente comprometido co país desde os seus anos mozos, retomou o contacto cos galeguistas superviventes, que daquela iniciaban as actividades da editorial Galaxia. Alí desenvolveu o seu xenio creador na ilustración de portadas e interiores. Das súas mans saíron, entre outas, a portadas de Á lus do candil (Ánxel Fole, 1954), Si o vello Simbad volvese ás Illas (Álvaro Cunqueiro, 1961) ou Os biosbardos (E. Blanco Amor, 1962), realizando as fermosas ilustracións de Terra brava (Ánxel Fole, 1955), As crónicas do sochantre (A. Cunqueiro, 1956) ou Xente no rodicio (Neira Vilas, 1971).
Escribiu numerosos textos sobre arte, tanto na vertente pictórica como arquitectónica, que espallou en revistas, prólogos e volumes colectivos. Entre eles cómpre salientar os dedicados a Luís Seoane e Carlos Maside, seus grandes amigos da mocidade, sobre a pintura de Manuel Colmeiro ou a personalidade e obra do arquitecto Manuel Gómez Román.
Durante a xubilación retomou a súa faceta de tradutor, vertendo ao galego textos de William Shakespeare: Ricardo III, publicado pola Fundación Otero Pedrayo en 1998, ano en que se lle outorgou o Premio Trasalba, e Xulio César, publicado o mesmo ano por Edicións do Castro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR