Faleceu repentinamente Germán Sánchez Ruiperez

Categoría: Nova

Germán Sánchez Ruipérez (Peñaranda de Bracamonte, 1926-Santo Domingo, 2012) faleceu repentinamente na República Dominicana, onde se atopaba en viaxe profesional. Un pequeno accidente doméstico, aparentemente sen trascendencia, obrigouno a internarse nun hospital da capital dominicana onde empeorou repentinamente o seu estado de saúde ata producirse o óbito na madrugada do domingo.
Sánchez Ruipérez foi unha figura importante na cultura e na edición galega. Fundador do Grupo Anaya e de Edicións Xerais de Galicia, xunto con Xulián Maure, en 1979. Da súa man produciuse un importante proceso de renovación e modernización do libro galego, con especial atención á edición escolar nesta lingua. Tamén financiou, dende a Fundación que leva o seu nome (FGSR, 1981), importantes proxectos de estudo e investigación sobre a edición en lingua galega, en colaboración coa Real Academia Galega, daquela presidida por Francisco Fernández del Riego, e coa Universidade de Santiago de Compostela.
Estaba casado cunha galega, Ofelia Grande, e dende había máis de corenta anos tiña residencia en Sanxenxo, ademais de en Salamanca, onde será soterrado o próximo mércores, día 15.

Comparte nas túas redes sociais ou por email