Eva Lozano

Categoría: Recensión

Poucas veces atopas nunha novela tantos ingredientes tan ben mesturados. Poucas veces a súa combinación é a xusta para unha perfecta dixestión. No Shakespeare destilado vas bebendo páxina tras páxina, sen decatarte, coa mesma ansiedade coa que bebe o narrador, penetrando nunha escura habitación cunha escura historia dunha profundidade disfrazada de borracheira verbal tan metafórica como simple na súa exposición.
A soidade de cada un dos personaxes é a mesma, a máis terrible, a que doe, a que fai tolear, ou chorar, ou beber. Agradécese, por tanto, o humor constante do narrador, amigo fiel que nos explica a historia dun Willy obsesionado co William que dá título ao libro, un home culto e moi "viaxado" que acaba pechándose na casa para construír a maqueta dunha cidade que abrangue o mundo que decidiu abandonar. A súa historia cheira a trauma, a neurose, á excentricidade dos xenios. Grolo tras grolo, o narrador vai contándonos todo o proceso, dende a minuciosa construción do lugar ata a historia que acontece nese escenario da vida. Máis ingredientes que nos fan agarrar o libro e non soltalo, xa que a aventura que ten lugar nese mundo diminuto é unha noveliña negra dentro da novela dramático-humorística que nos "brinda" o autor. Non se pode pedir máis. Hai para todos os gustos. A conxunción perfecta que axuda a tapar a acedume do drama dunha trama absolutamente orixinal e profunda entre os efluvios da máis lúcida borracheira que se agocha nas hilarantes palabras dun narrador que viaxa dun tema ao outro coa mesma facilidade coa que prepara un gin-tonic, ou catro, ou seis… Un grolo por Xesús Constela! E outro polo narrador sen nome!

Comparte nas túas redes sociais ou por email