Volvemos do verán coas pilas recargadas, con novas lecturas á vista e outras tantas ás nosas costas. Que é o verán se non a mellor época para ler e interiorizar novas historias?
Setembro é o preludio a un novo ano, o comezo dun novo curso. Verdadeiramente, setembro significa moitas cousas, entre elas, primeiras veces. Dende Galaxia estreámolo visualizando novos proxectos, afinando a preparación do 75 aniversario da nosa casa e, por suposto, dando a benvida a novos libros.
Entre as moitas lecturas que chegarán aos nosos andeis, proximamente agardamos as seguintes:
Para público infantil, Papóns, de Sandra Lodi, IV Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, unha obra que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza, unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia.
Merecente do Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023, na colección Árbore, agardamos a chegada de Sucos, de Ignacio Vidal Portabales, ilustrado por Lodi. Amosa a relación entre unha nena e o seu avó, unha extraordinaria aventura na que ambos percorrerán camiños e leiras, acompañados do agarimo que os une.
Na colección Costa Oeste debuta a autora estradense Sandra Ferreiro con Castelos de cristal. A autora constrúe nesta obra uns relatos que invitan á lectura pausada e reflexiva a través dunha prosa poética chea de profundidade e sosego.
A abadía de Northanger, de Jane Austen, traducido por María Ramos Salgado, chegará á colección Literaria Universal. Aos 23 anos, unha novísima Austen enviou este manuscrito, a súa primeira obra, a unha editorial, que nunca chegou a publicalo. Saiu do prelo en 1918, despois de que a familia o recuperase. Esta é unha aguda sátira literaria e unha inspirada reflexión sobre os prexuízos e crueldades da sociedade que mostra, onde non é o que dicimos ou que pensamos o que nos define, senón o que facemos.
Entre outubro e novembro, autoras como Ana Varela estrearanse na colección Literaria Ronsel coa obra Runrún; Miriam Couceiro volve a publicar na nosa casa, esta vez na colección Literaria, con De óxido e diamantes; a premiada Lara Dopazo Ruibal, merecente do Premio Illa Nova por O axolote e outros contos de bestas e agua, regresa á editorial con obra nova, esta vez, Contos gringos.
Non podemos agardar a que cheguen para poder compartilas con todas e todos vós.