Esta noite recibiremos a visita dos Reis Magos

Categoría: Nova

Nesta noite máxica, na que todo é posible, recibiremos a visita dos Reis Magos de Oriente.
As súas maxestades, despois de ler con moita atención todas e cada unha das cartas recibidas, visitará todos os fogares depositando agasallos, cheos de agarimo, para a cativada, que foi tan boa e responsable durante estes tempos.
Mañá, as nenas e nenos poderán abrir os seus ansiados regalos, nun exercicio de nervios e ilusión; despois de enviar as súas solicitudes, ateigadas de palabras de todas as cores, debuxos e desexos.
Os Reis Magos de Oriente traballarán arreo para compracer as peticións de tanta rapazada comprometida coa maxia e os soños. Por suposto, nesta lista de agasallos non poden faltar libros, os encargados de facernos soñar durante todo o ano, a través do feitizo da palabra. Un obsequio para calquera momento do ano pero especial para estas datas, nas que a ilusión está presente en todas partes.
Os libros son únicos, e cada un deles ten o seu propio encanto, dende a historia que o forma, ata a edición final… a maquetación, a ilustración, o tipo de papel… nesta fábrica de libros traballamos arreo para axudar ás súas maxestades, nesta viaxe, a que todos os libros cheguen a tempo a cada unha das casas, sen excepcións.
Este ano, dende a editorial, nós pedímoslles un ano cheo de saúde, de encontros, e de tempo ao carón dos nosos. Que fagan a maxia e, sobre todo, que a repartan, a través da lectura.
Libros de todas as clases e cores, novidades, clásicos, álbums… a oferta é infinda, ao igual ca os soños, que soñan os nenos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email