A Esmorga xa en Filmin

Categoría: Nova

O vindeiro 25 de xullo, Día de Galicia, o cinema galego e en galego está de noraboa. O lanzamento da filmografía de Ignacio Vilar en Filmin contribuirá á difusión do noso cinema tanto en España coma en Portugal. Desta maneira A esmorga (2014), a exitosa película de Ignacio Vilar da que a Editorial Galaxia é coprodutora xunto con Via Láctea e a TVG, pasa a formar parte da atractiva oferta de Filmin, composta por máis de 10.000 títulos.

Filmin é unha das plataformas pioneiras de visionado de cine en liña a nivel europeo, un espazo cinéfilo de referencia cun nutrido catálogo que atrae a un número crecente de usuarios ávidos de descubrir o mellor cinema independente e de autor nunha contorna dixital amable e de fácil acceso.

A presenza en Filmin das obras de Ignacio Vilar vén completar o amplo percorrido de cada unha delas, xa que, ademais de ser estreadas en salas de cinema comercial galegas e estatais, exploraron con grande éxito múltiples vías de distribución como a exhibición en festivais internacionais*, circuítos académicos, auditorios e espazos culturais e asociativos, así coma a exhibición en formato cinema de verán ao aire libre ou a súa distribución en DVD e Bluray.

Filmes como A Esmorga, convertida xa en todo un clásico do cinema galego (máis de 60.000 espectadores na súa estrea só en Galicia; mellor estrea do ano 2014 a nivel estatal para un filme con menos de 100 copias; nominación ao Premio Goya ao Mellor Guión Adaptado), ou a recente e laureada Sicixia (Mellor Filme Estranxeiro no 50th WorldFest-Houston) teñen suscitado un grande interese por parte de espectadores dentro e fóra das nosas fronteiras, interese agora satisfeito tamén a través da súa presenza na plataforma Filmin.

Neste senso, cómpre lembrar que A Esmorga xa está dispoñible a través da plataforma UniversCiné (pertencente ao grupo Filmin) en Francia, Andorra, Bélxica e Suíza na súa versión orixinal en galego con subtítulos en francés (https://www.universcine.com/films/a-esmorga).

Deste xeito, as novas tecnoloxías contribúen á normalización e difusión da nosa lingua, das nosas paisaxes, da nosa gastronomía, da nosa música… en definitiva, da nosa cultura, ao permitir aos espectadores de Filmin descubrir o noso cinema en calquera momento e desde calquera lugar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email