Hoxe a poeta Luz Pozo Garza cumpre 95 anos e a Real Academia Galega réndelle esta tarde unha homenaxe. Dende a Editorial Galaxia sumámonos a esta iniciativa e festexamos os 95 anos de Luz.

Naceu en Ribadeo en 1922. En 1936 trasladouse a Lugo, sendo seu pai perseguido polo fascismo, e logo a Larache (Marrocos). Logo viviu durante bastantes anos en Viveiro. Fixo estudios de Música, de Maxisterio e de Filoloxía Románica, estes últimos na Universidade de Oviedo. Desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión. É membro da Real Academia Galega dende o 29 de novembro de 1996. O seu discurso de ingreso na RAG titulouse “Diálogos con Rosalía”. Luz Pozo Garza é unha voz fundamental da poesía galega dende que publicou o seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca(1952), que inaugurou a colección Xistral. Na súa obra posterior Luz Pozo achega unha poesía inzada de sensualidade e profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez. No 2001 foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no 2009 recibiu o premio Ramón Piñeiro “Facer país”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR