A ilustradora Blanca Millán e o escritor Ramiro Peralta recolleron este luns na Estrada o premio ‘Alberte Quiñoi’ de álbum ilustrado pola súa obra As filloas de Manola. O libro é unha homenaxe a todas as avoas. Unha historia que busca achegar aos máis pequenos ao sentimento de comunidade e solidaridade.
Acompañando os autores, participaron no acto Juan Constenla, concelleiro de Cultura, Carlos Loureiro, secretario do xurado, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.
Como xa fixo en obras como Monstro de ollos vermellos, ou Acouga, Babau, a dupla creativa Peralta-Millán demostrou unha vez máis, co álbum merecente do Alberte Quiñoi 2022, confeccionar unha impecable aposta plástica e textual. Manola, a protagonista da obra, amosa a amabilidade sen límites que caracteriza ás avoas galegas. Un pasado do que beber para poder encarar o futuro.
As filloas de Manola pon en valor o sentido da axuda desinteresada nas relacións interpersoais, da xenerosidade, valores tan necesarios na sociedade individualista na que vivimos. Ao mesmo tempo introduce ás lectoras e lectores no mundo da tradición cunha mirada cara a modernidade. A súa lectura transmite unha mensaxe vitalista, reconciliando aos lectores cun mundo máis solidario e afectivo.
Este premio, que naceu co propósito de fomentar a escrita en galego e o de divulgar o legado de Manuel García Barros, así como de animar á lectura no ámbito da literatura infantil e xuvenil, cumpre este ano a súa terceira edición. Onte, presentáronse as bases para a mesma, que xa se poden consultar premendo aquí.
Todas e todos os interesados terán de prazo ata o 11 de decembro para participar.