Emigrar a Galicia

Categoría: Opinión


A Vida é un Accidente. Así titulei a miña última serie de pinturas. Formarán parte dunha exposición en Monçao no mes de xaneiro.

E case por accidente instaleime, hai catro anos, en Galicia. Vin traballar en Mercadotecnia, que é o que alimenta o meu corpo, e deime á Pintura, porque a bebida séntame moi mal, para alimentar a alma.

En Galicia encontrei outros alimentos da alma. As montañas do Leboreiro, as praias do Morrazo, os berros das gaivotas (as de verdade), o granito das casas, os versos de Lois Pereiro, a chuvia dos días de chuvia, e a chuvia dos días de sol. E paro, que parezo un anuncio de supermercado.

Leo estes días na prensa que o peixe vai mal, que os astaleiros peor. Que Galicia perde mil habitantes ao mes, que Amancio gastará 500 millóns en ladrillo en Madrid e non porá nin un duro nas caixas galegas. Ou o que queda delas.

E a pouco que nos descoidemos, o presidente pontevedrés faranos unha finta de Alta Velocidade.

Son zaragozano. Hai que selo para, coñecendo a dor dos estíos, amar tanto esta terra verde que súa auga rabiosa de barrancos polos catro costados.

Por iso, e por emigrante que quere selo aquí moito tempo, permítanme o estupor. Non hai nada máis irracional que botarlle lume a estes montes (e cando digo lume non falo só de lume). É como pegarse un tiro no pé, especialidade, témome, con denominación de orixe.




Comparte nas túas redes sociais ou por email