A Editorial Galaxia publica o novo traballo poético de Manuel Seixas

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia publica o novo traballo poético de Manuel Seixas Trevo. Triloxía de outono, poética de vida, morte e ausencia
Logo dun silencio editorial de seis anos, volve Manuel Seixas a atoparse coas súas lectoras e lectores nun vibrante poemario que a Editorial Galaxia publica dentro da súa colección Dombate. Trátase dun libro que recolle unha Triloxía de Outono, tres libros sobre a vida, a morte e a ausencia, acompañados das sutís, case coma haikus visuais, ilustracións de Xurxo Romero Román. Estamos diante dunha ollada íntima, sutil e crúa na procura do sentido desta existencia inexplicable.  Un berro, unha bágoa, un triste sorriso mergullados entre a raiba, impotencia, perda e maxia que os humanos levamos ás costas.
Manuel Seixas é profesor de filosofía, escritor e músico. Como poeta publicou libros como Diario de Ausencias (2001). Como narrador  deu ao prelo volumes coma A velocidade do frío (1996), Premio Xerais. Como músico co grupo Korosi dansas editou os cedés Cordura (1995) e Non! (1996). Un conxunto de temas baseados na súa novela A velocidade do frío foron musicados por el para o CD homónimo, editado en 1997.

Comparte nas túas redes sociais ou por email