Editorial Galaxia participou este mes na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, dentro da programación do stand de Galicia.
O martes 29 de abril, ás 17:30 h, celebrouse na Sala Rodolfo Walsh a mesa redonda 75 anos despois. A vixencia de Castelao no s. XXI, coa participación de Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; e Miguel Anxo Seixas, escritor. A sesión foi moderada por Anxo M. Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
O venres 2 de maio, no stand de Galicia, Marcos Calveiro ofreceu a conferencia Nós/Nosotros, a mirada de Castelao, centrada na figura e na obra do intelectual galego. O sábado 3 de maio, tamén ás 18 h, tivo lugar a charla Crear porvir. 75 aniversario da Editorial Galaxia, que repasou a traxectoria da editorial desde a súa creación ata a actualidade. Estivo acompañado por Alba Gil, departamento de Innovación.
Durante a estadía en Bos Aires, Galaxia visitou tamén o Colexio Santiago Apóstol, onde se mantivo un encontro co alumnado e o profesorado. Foi unha oportunidade para coñecer de preto o labor que se está a realizar a prol da lingua e da cultura galegas na diáspora.