A Editorial Galaxia adianta as súas novidades

Categoría: Nova

No primeiro trimestre deste ano, a Editorial Galaxia publicará un mollo de títulos moi diversos entre os que podemos destacar os seguintes:
Xesús Rábade Paredes publicará as súas memorias baixo o título A luz co tempo de dentro. Sendo este ano Florencio Delgado Gurriarán o homenaxeado nas Letras Galegas, publicaranse títulos da súa autoría como Bebedeira, Galicia infinda ou O soño do guieiro, para afondar no coñecemento da súa obra que se complementará cun libro de Xesús Alonso Montero, quen se achega á súa vida nun volumen que ofrecerá tamén unha antoloxía da obra do autor homenaxeado. Ao tempo, Galaxia recupera o libro de Ricardo Gurriarán, Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista.
A Editorial Galaxia dará ao prelo dúas novas coleccións. Unha centrada na Ficción Científica e que nace co libro A soidade selénica de Juan Parcero. A outra, será unha saga de novelas xuvenís protagonizadas por Manuel Curros Enríquez e Sherlock Holmes da autoría de Marcos Calveiro. O primeiro título será, Curros  & Homes no Misterio do Kapital.
A tradución de grandes clásicos vai ocupar boa parte do esforzo editorial de Galaxia neste primeiro trimestre. Así, recuperamos, nunha edición ilustrada en gran formato, do Bambi, de Felix Saltén. Verán tamén a luz  O doutor Zhivago, de Boris Pasternak, entre outros títulos.
Para a cativada, a ilustradora Blanca Millán é a encargada de poñer cores á historia de Manuel Curros Enríquez, Aí vén o maio.
Como xa é tradición, da man de Galaxia verán a luz algúns dos grandes premios literarios do país. É o caso do Premio Blanco Amor 2021, Aquí comeza  o mar, de Blanca Riestra, unha obra que mestura tendencias literarias actuais, cultivadas noutros lugares, a través dun estilo que combina xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, sen perder como faro literario a forza da subxectividade. O Premio Vidal Bolaño, que cae este ano en mans de Edgar Costas Sanmartín pola súa obra Casa de feras, unha historia ambientada no zoolóxico do Parque do Retiro de Madrid, que destaca pola súa orixinalidade no tratamento dramatúrxico do xénero da fábula. Un texto con moitos personaxes que permiten o seu traballo con grupos amplos de alumnado e as distintas temáticas abordadas que van dende o maltrato animal, ás relacións de poder e a liberdade.
En poesía, Antese, de Arancha Nogueira, é o libro gañador do Premio Victoriano Taibo.  Un poemario baseado nun diálogo interxeracional, construído sobre unha forma actual que combina levidade e fondura, na que se atopa unha voz perfilada e madura capaz de sintetizar dunha forma accesible situaicóns e sentimentos tremendamente complexos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email