Dúas novelas de Galaxia finalistas do Premio San Clemente 2019

Categoría: Nova

O premio San Clemente-Rosalía-Abanca inicia a súa XV edición con dúas obras finalistas na categoría en lingua galega pertencentes á Editorial Galaxia: As Ramonas, de Ana Cabaleiro, e Natura, de Iolanda Zúñiga.
 
Este premio conta coa particularidade de que, a pesar de que a selección dos finalistas foi realizada por un comité do que son responsables dúas profesoras do IES Rosalía de Castro, organizador do evento, son os alumnos deste e doutros catro centros galegos elixidos por sorteo, os que actuarán como xurado. Con esta iniciativa búscase converter aos rapaces en protagonistas á hora de seleccionar aos gañadores e no acto de entrega do premio, no que compartirán mesa coa galardoada. Ademais, inténtanse fomentar os hábitos de lectura na sociedade moza.
 
As Ramonas, de Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974), é unha obra que percorreu Galicia por medio de múltiples presentacións. Amósanos a Mona Otero, unha protagonista loitadora nunha sociedade en proceso de cambio cara á globalización. A historia nárrase na súa totalidade dende diferentes vehículos nos que se presentan algúns compoñentes que afectan á existencia da personaxe principal como son a competitividade, os odios ou as apariencias. Descríbenos tamén a outras personaxes que rematan creando un complexo entramado no que as mulleres serán as protagonistas. Este libro foi tamén galardoado co Premio García Barros en 2018.
Por outra banda,  Natura, de Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975), presenta a historia dunha civilización destruida e un camiño na procura da salvación. Unha historia de dúas mulleres, nai e filla, que loitan por escapar dunha escravitude conscente na que só se pode sobrevivir deixando a un lado todos os seus sentimentos e recordos, onde non hai cabida para a esperanza ou a ilusión e onde terán que acatar unhas normas procedentes duns homes de gris. Natura é arestora tamén finalista dos Premios da Gala do Libro Galego 2019, que se fallarán o vindeiro maio nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.
Moita sorte ás autoras.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email