Dous novos libros de Álvaro Cunqueiro

Categoría: Nova

Na Biblioteca de Autor Álvaro Cunqueiro, e continuando coas celebracións do Cen Aniversario do nacemento do escritor, veñen de aparecer dúas novas entregas: o segundo volumen da súa poesía en lingua galega, que inclúe os poemas ou libros que Álvaro Cunqueiro escribe ou empeza a publicar a partir de 1933 ata o seu falecemento; e unha nova edición de 'Escola de menciñeiros' (primeira edición en 1960).

A edición desta segunda entrega da poesía en lingua galega de Cunqueiro foi preparada e está prologada polos profesores Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger. Inclúe poemas soltos en galego dende 1933, e os libros "Dona do corpo delgado", "Herba aquí e acolá", tal como o autor os deixou preparados en vida, así como novas composicións posteriores ata 1981. Queda pendente, para unha nova entrega, a poesía en castelán de Cunqueiro.

Nas mesmas datas presentamos outro dos seus textos clásicos: 'Escola de menciñeiros', publicado por primeira vez en 1960 cun magnífico prólogo de Domingo García-Sabell. En realidade a 'Escola…' é un tratado de cultura popular e unha viaxe a través de "varia xente", principio da serie de retratos ou tipos humanos da Galicia tradicional que o escritor recrea marabillosamente. Dous novso textos na Bibiblioteca AC, con cubertas de Urbano Lugrís, para a celebración do centenario dun dos nosos grandes autores contemporáneos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email