Dous libros de Galaxia, finalistas do Premio Frei Martín Sarmiento 2013

Categoría: Nova

O pasado venres dábanse a coñecer os libros finalistas nas distintas categorías do Premio Frei Martín Sarmiento que cada ano recoñece os mellores libros publicados segundo o xuízo dos escolares. O premio é de gran prestixio e moi cobizado polos autores e autoras ao ser o alumnado galego quen escolle aos gañadores.
Desta volta, dous libros da nosa editorial están entre os finalistas. Por unha banda, a escritora María Solar e o seu 'A verdadeira historia da mosca da tele' sitúase como aspirante ao galardón na terceira categoría , é dicir, a correspondente ao lectorado de 5º e 6º de primaria. Por outra, 'O neno can', de Fina Casalderrey e Francisco Castro, elévase tamén entre os finalistas pero na categoría correspondente ao último ciclo da ESO, é dicir, para os lectores e lectoras de 3º e 4º da ESO.
Contra o mes de maio, coñeceranse os gañadores finais deste premio que fomenta a lectura en galego entre milleiros de nenos e nenas do noso país.

Comparte nas túas redes sociais ou por email