Dous libros-disco que publicamos na Editorial Galaxia forman parte da lista de finalistas nos Premios Martín Códax da Música, os máis prestixiosos da música galega.
Na categoría de Música Infantil, está nominada Lingua guapa. Cantos que contan, de Fina Casalderrey e Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo.
Trátase dun libro-disco que xa debería estar na rúa pero que, as excepcionais circunstancias que estamos vivindo, o impediron. É unha fermosa viaxe a través da lingua guapa, para voarmos por todas as músicas do mundo.
Falando de Músicas do Mundo, está é a sección na que se atopa nominada a artista Najla Shami, creadora de Ela sabe a sol. Dende o galego, mais tamén con temas en castelán e árabe. Este é un libro-disco de mestizaxe, de fermosa contaminación cultural que nos ilumina. Coma o sol. Coma o sabor do amor ou da terra, que é idéntico en todos os lugares do mundo.
Un facho de luz brillante que nos asolaga.
Parabéns polas nominacións! Dende Galaxia desexámosvos toda a sorte do mundo. Aínda que, estar entre a lista das nominadas, xa é todo un premio.