Dor na cultura galega polo pasamento de Agustín Fernández Paz

Categoría: Nova

Este martes recibimos a demoledora nova do pasamento de Agustín Fernández Paz, un dos grandes mestres da Literatura Infantil e Xuvenil, home xeneroso, de sorriso grande, valente nas súas decisións e, sobre todo, literato dunha obra inconmensurable. Milleiros de lectores e lectoras seguían fielmente a súa produción dende hai décadas e todos e cada un dos seus libros eran recibidos con alegría e garantía de calidade.
Agustín Fernández Paz estivo sempre na vangarda da creación, mais tamén do compromiso político e coa lingua de Nós, tomando partido a prol da causa xusta da cultura galega incluso en momentos de grande dificultade.
O seu pasamento deixa un oco imposible de encher.
A Editorial Galaxia quere transmitir á súa familia e amigas e amigos unha aperta chea de amor e dozura por este home, en verdade, irrepetible.

Comparte nas túas redes sociais ou por email