Hoxe soubemos do pasamento de Xabier P. Docampo (1946-2017), un dos pais da literatura infantil e xuvenil galega moderna.
Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1995 polo xa clásico Cando petan na porta pola noite, Docampo é autor dunha amplísima obra entre a que se atopan A noite das filantes (2009), Adelaida, Henrique e demais familia (2008), De cores e de amores (2005) ou O home que inventou unha maneira de andar (1998). A súa traxectoria viuse ademais recoñecida nos últimos anos con premios como o da Irmandade do Libro ao Autor do Ano no 2009 ou a Letra E da AELG en 2014.
A súa voz bate hoxe con forza na porta dos milleiros de lectoras e lectores que foron e serán.