Entréganse os premios do Reto Lector 2018

Categoría: Nova

A barbadesa Eira Losada gañou esta segunda edición da campaña de fomento da lectura da Editorial Galaxia cun vídeo no que defende a tradución de obras ao galego. Declaráronse ademais outros cinco vídeos finalistas.
Esta mañá entregábanse na Casa Galega da Cultura de Vigo os premios do Reto Lector 2018, a campaña de animación á lectura promovida dende a Editorial Galaxia. O Reto Lector, que este ano se consolida xa na súa segunda edición coma unha actividade de referencia na promoción da lectura en lingua galega, está destinado a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Para participaren, só tiñan que enviar dous vídeos recomendando algunha das obras do catálogo de Galaxia, de xeito que animasen a outros a ler. Así, non só se favorece o sentido crítico, senón que se busca visibilizar as novas tecnoloxías como unha ferramenta de difusión da lingua e a literatura galegas entre os máis novos.
A gañadora deste ano, escollida por un xurado conformado por alumnas e alumnos do IES Santo Tomé de Vigo, foi Eira Losada, natural de Barbadás (Ourense), que recomendaba no seu vídeo a saga Harry Potter e animaba á lectura de máis obras traducidas para o galego. O premio, consistente nun iPad de última xeración, foille entregado pola escritora e académica Marilar Aleixandre, tradutora do primeiro volume da saga para o galego, Harry Potter e a pedra filosofal, quen salientou a importancia do poder creativo da nosa imaxinación.
Ademais da gañadora, declaráronse cinco videos finalistas cuxos autores recibiron un lote de libros de Galaxia: Nee Barros (Marín), que recomendaba Os nenos da varíola de María Solar; as recomendacións que fixeron Sara Sabir (Cuntis) e Carolina Cachaldora (Ourense) de O misterio de Portomarín de Antía Yáñez; a recensión sobre O enigma de Embívicus de Xosé A. Perozo que levou a cabo Luna Nogueira (Fene); e o comentario de Mateo González (Ferrol) sobre A boneca de Kafka de Jordi Sierra i Fabra.
Ademais de Aleixandre, estiveron presentes no acto a escritora Antía Yáñez, Premio Illa Nova 2018, e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, que asegurou que o proxecto do Reto Lector terá continuidade no futuro. Tamén houbo intervencións en vídeo dalgúns dos outros autores recomendados polos gañadores, como María Solar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email