Crecemento de Galaxia e Merlín Comunicación

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia e Merlín Comunicación pecharon o ano 2008 cun crecemento en volume de negocio dun 9% respecto do ano anterior. O volume xeral da facturación neta foi ese ano de 2.131.070 euros, cifra que a PVP ascende a 2.883.028 euros.
Os consellos de administración de Editorial Galaxia e Merlín Comunicación reuníronse o pasado venres para cerrar contas e comunicar oficialmente os resultados. O volume de negocio de Editorial Galaxia S.A. ascendeu un 5 % respecto do ano 2007, e o de Merlín Comunicación S.L., empresa creada dentro do grupo para o desenvolvemento de novos proxectos, incrementouse nun 46 %. O beneficio final conxunto foi de 33.828 euros antes de impostos.

No ano 2008 Editorial Galaxia publicou 95 novidades, 13 máis ca no ano 2007, cun catálogo vivo de 1.075 títulos, tal como se pode ver no apartado Galaxia en cifras nesta mesma Web. En total son 458 autores en catálogo e un fondo de 145 traducións.

A liña de traducións é, de feito, unha das máis celebradas polos lectores, especialmente a Biblioteca Compostela. A tiraxe media das novidades de Editorial Galaxia foi no ano 2008 de 1.776 exemplares e a distribuidora moveu 127.479 unidades, das cales 17.263 corresponden a outros fondos editoriais que Galaxia distribúe.

Merlín Comunicación centrou a súa actividade no ano 2008 preferentemente en producións didácticas e en exposicións de carácter itinerante a prol da cultura galega, entre elas a exposición "25 anos de cultura galega", promovida polo Consello da Cultura Galega; "O libro galego na censura franquista", promovida pola Fundación Penzol e pola Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, e a exposición itinerante sobre a figura e a obra de Xosé María Alvarez Blázquez ("A palabra e os días"), persoeiro a quen o ano 2008 estivo dedicado o Día das Letras Galegas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email