A convocatoria do Premio de Poesía Bouza Brey do Concello de Vilagarcía de Arousa nace da vontade da Concellería de Cultura de recuperar o premio en homenaxe á figura de Fermín Bouza Brey Trillo (1901-1973), un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, destacado intelectual, xurista e escritor.
Non se nos ocorre mellor xeito de recobrar a súa memoria e o seu vínculo co Salnés que por medio do universo da palabra. O certame, por tanto, é un impulso máis deste Concello á creación cultural, neste caso a través da poesía galega.
VI PREMIO DE POESÍA BOUZA BREY CONCELLO DE VILAGARCÍA DE AROUSA
BASES
1. O Concello de Vilagarcía de Arousa convoca a 6.ª edición do Premio de Poesía Bouza Brey.
2. O premio ten carácter bienal e está dirixido a persoas maiores de idade que presenten unha obra poética en lingua galega de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
3. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, e de temática libre. Non se admitirán poemas publicados previamente en webs, revistas e outros medios de maneira independente. Tampouco poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. As persoas participantes deberán poñerse en contacto coa organización en caso de que a obra remitida a concurso resulte gañadora de calquera outro premio.
4. Os traballos contarán cunha extensión mínima recomendada de 300 versos en letra Times New Roman, corpo 12. As páxinas virán numeradas.
5. Os traballos serán presentados baixo pseudónimo nun único envío, que conterá:
- Un exemplar en papel.
- Un lapis de memoria cunha copia en formato PDF.
- Un sobre pechado (plica) cos seguintes datos: título da obra, nome completo da persoa autora, documento de identidade, domicilio, breve currículo, enderezo electrónico e teléfono de contacto. No exterior deste sobre debe indicarse o título da obra e o pseudónimo empregado. Unicamente se abrirá a plica da obra premiada. Os traballos enviaranse por correo postal ou mensaxería ao seguinte enderezo:
VI Premio de Poesía Bouza Brey
Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa
Auditorio Municipal, praza da II República, s/n
36600, Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
Terase especial coidado en que non figuren os datos da persoa remitente para non comprometer o anonimato dos traballos. En caso contrario, serán declarados nulos e non serán avaliados polo xurado.
6. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de maio de 2026.
7. Os traballos presentados non serán devoltos e destruiranse tras a resolución do premio.
8. O premio, único e indivisible, consistirá en cinco mil (5000) euros. Esta contía inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de mil (1000) exemplares do texto gañador, así como a edición dixital deste, durante cinco anos. A contía estará suxeita ás retencións fiscais que, no seu caso, correspondan. O financiamento farase con cargo á aplicación 334.48100 do orzamento municipal vixente.
9. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia no marco da súa colección poética Dombate.
10. O xurado estará integrado por tres persoas representativas da cultura galega relacionadas co eido da literatura, unha delas en representación de Editorial Galaxia. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria do Concello de Vilagarcía. A identidade dos membros do xurado será desvelada cando se faga público o seu veredicto.
A resolución do xurado darase a coñecer na primeira semana de decembro de 2026, tras a que se celebrará un acto de entrega.
A deliberación do xurado será secreta. O premio entregarase por maioría de votos. O xurado poderá declaralo deserto e non terá en consideración aqueles orixinais que non se axusten estritamente ás presentes bases.
Na valoración das obras presentadas, o xurado terá en conta os seguintes criterios:
a) Calidade literaria.
b) Orixinalidade e valor cultural da proposta. O xurado recoñecerá especialmente aquelas propostas que respondan a unha pescuda poética propia ou que, no panorama actual da poesía galega, acheguen algunha novidade ou trazo innovador.
c) Calidade e coidado da lingua e da linguaxe poética.
11. A persoa galardoada comprométese a asistir ao acto de entrega do premio, que se celebrará no mes de decembro, así como á presentación da publicación da obra gañadora, que terá lugar arredor do 21 de marzo, Día Mundial da Poesía.
12. Para poder recibir o premio, a persoa gañadora deberá acreditar, a través dos certificados correspondentes ou dunha declaración responsable, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias coa AEAT, coa ATRIGA, co Concello de Vilagarcía e coa Seguridade Social.
13. O feito de participar supón a aceptación destas bases. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
14. Calquera consulta acerca desta convocatoria atenderase a través do enderezo de correo electrónico premiobouzabrey@vilagarcia.gal