Contra os paifocos e abusóns

Categoría: Opinión

Atopámonos nun momento histórico ben curioso: para o neoliberalismo hai xa veiga aberta para todo. Baixo o xa crónico e case exclusivo argumento da crise un sector importantísimo da cidadanía, por medo ou por falta de entendemento crítico, asinte comprensiva aos ataques dos mesmos que nos levaron a esta situación. É o que Marx denominou alienación.
E dentro deste cúmulo de despropósitos consecuencia da desfachatez do poder e da estupidización colectiva, hai unha serie de ladaíñas que se repiten como axiomas incuestionables e remedio para tanto mal que nos abafa. Nun contexto no que a ausencia total de valores e principios, no que a corrupción foi feito normalizado entre nós desprestixiándonos como colectivo a solución é aplastar, axeonllar a dous elementos fundamentais para calquera sociedade e que teña como finalidade esculpir o espírito: a cultura e a educación.
Agora viría o momento de sacar á luz aspectos puntuais do manifestado. Pásaseme pola cabeza a improvisación organizativa da educación obrigatoria, a falta de mestres e profesores que poidan facilitar calidade educativa en ratios propias dun país avanzado, o ataque á lingua, ás editoriais e por extensión ao todo o tecido industrial que agroma da cultura ou mesmo o insulto que nos últimos días se deu co cambio de temario das oposición a escasos meses da súa realización; mais entendo que o ataque é moito máis sibilino, sutil e perverso que todas estas manifestacións de torpeza. Déronse conta que hai unha chave que activa o medo da xente e que esta responde satisfactoriamente aos seus estímulos, polo que do que se trata é de facer fronte a todos estes ataques esixindo o que por dereito nos pertence, e non só no eido cultural e educativo. Máis que medo o que fai falta é arrepoñerse.

Comparte nas túas redes sociais ou por email