Conferencia de Henrique Monteagudo: “Castelao. A forxa dun mito”, en Vigo

Categoría: Nova

O xoves 20 de febreiro, celebrarase, ás 19 h, no salón de actos da Casa Galega da Cultura, unha conferencia, con Henrique Monteagudo, que leva por título “Castelao. A forxa dun mito”.

Organizada pola Fundación Penzol, en colaboración coa Cátedra Castelao da Universidade de Santiago.

Esta conferencia enmárcase nas actividades de ambas as entidades relacionadas co Ano Castelao.

“A singradura vital de Castelao estivo vencellada dun xeito íntimo e inseparable co devir histórico do seu país. O rianxeiro non se limitou a vivir no seu tempo, senón que se propuxo facer del historia, dunha forma extraordinariamente intensa, con total dedicación. O noso autor obrou unha vida, dun xeito moi consciente e co mesmo esmero que aplicou ás súas producións artísticas. Contemplada a súa figura coa perspectiva da historia, revélasenos como un fundador, pois sentou os alicerces dunha concepción nacional do noso país e do propio autogoberno galego, e, por tanto, en máis dun sentido, da Galicia actual. Pero, ademais, considerada a súa traxectoria en conxunto, albíscase como foi medrando nel unha vocación proxectiva, un alento profético, un afán de construír país contra o vento e marea das circunstancias, ou mellor dito, a poder delas. Por iso acabou por se converter, xa en vida, nun mito, un mito que, certamente, se axigantou co tempo.”

HENRIQUE MONTEAGUDO é catedrático de Filoloxía Galega da USC, director da Cátedra Castelao da mesma universidade, director da revista Grial, padroeiro da Fundación Penzol e vicesecretario da Real Academia Galega. Entre outras moitas responsabilidades académicas e culturais, foi tamén vicepresidente da Fundación Castelao entre os anos 1996 e 2000.

Doutorouse en 1995, coa tese Ideas e debates sobre a lingua (1916-1936). Afonso D. R. Castelao e a tradición galeguista.

No ano 2000 coordinou para Editorial Galaxia a edición das Obras de Castelao, en 8 volumes; editou o volume De viva voz. Castelao: conferencias e discursos (Fundación Castelao, 2003) e, con Iris Cochón, Castelao. Cadernos. Escolma (1938-1948) (Editorial Galaxia / Fundación Penzol, 2003).

Sobre a figura homenaxeada neste 2025 tamén publicou Castelao: defensa e ilustración da lingua galega (Editorial Galaxia, 2000) e Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito (Editorial Galaxia, 2021).

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email