Cóñecense as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2019

Categoría: Evento, Nova

Na mañá de onte dábase a coñecer a listaxe de obras finalistas da Gala do Libro Galego 2019. Organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) o acto no que se darán a coñecer as obras gañadoras celebrarase o sábado 11 de maio de 2019 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

En Galaxia estamos de festa por que nove dos nosos libros e iniciativas editadas ao longo do 2018 son finalistas en distintas categorías: Golpistas e verdugos de 1936, coordinado por Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, na cateogría de Ensaio e investigación; Bonus Track de Rosalía Fernández Rial e Natura de Iolanda Zúñiga, en narrativa; A filla do minotauro de Marilar Aleixandre e Palabra de bruxa de Andrea Barreira Freije, en literatura xuvenil; a colección Feminismos, en Iniciativa bibliográfica; Memoria do corpo de Xesús Rábade Paredes, en poesía; a obra infantil A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro, en teatro; e o facsímil de Galicia mártir, de Castelao, en Mellor obra editada.

Vaian os nosos parabéns para todas e todos eles e vémonos na festa do 11 de maio!

Comparte nas túas redes sociais ou por email