“Comercultura” unha campaña para dar de comer, tamén, libros

Categoría: Nova

Co gallo do Día do Libro, que se celebra mañá xoves 23 de abril, a Editorial Galaxia, a Asociación Vigo Gastronómico e o Concello de Vigo, a través da campaña “Comercultura”, repartirán este mércores máis de 500 libros ás persoas máis necesitadas da cidade olívica. As bolsas de comida serán distribuidas co apoio loxístico do Concello, están destinadas a persoas dos comedores sociais e a nenas e nenos sen recursos. Ademais dun menú saudable, as persoas beneficiadas pola Campaña recibirán un exemplar dun libro do noso catálogo.
A Editorial Galaxia agasallará algo máis de 500 exemplares do libro A Batalla de Rande, con mapas e gravados, de Román Pereiro Alonso, volume que irá incluído canda a comida nas bolsas que recibirán as adultas e adultos nos comedores sociais. Para os nenos e nenas do Fogar San José – Casa de la Caridad, fixemos unha selección de títulos segundo a idade de cada un dos nenos e das nenas, e así, recibirán dende Audiolibros para os primeiros lectores como literatura pensada para o público adolescente.
‘Comercultura’, a proposta que desenvolvemos a Asociación Vigo Gastronómico, e a Editorial Galaxia nace como un exercicio solidario diante da crise e para que todo o mundo poida celebrar o Día do Libro.
A asociación acolle 18 restaurantes: Lume de Carozo, The Othilio Bar, Melitön bocadillerías, Mijo minibar, Niño Corvo cociña sen vergoña, María Manuela food and drink, La Contenta comes y bebes, Kero cocina peruana, Pintxoteca mar, La Pintxoteca, La Sidrería Pintxoteca, Purosushi restaurante japonés, O Croque cociña, La Carpintería Gastrobar restaurante, El taller de La Carpintería, La central, La Trastienda del Cuatro e o restaurante italiano Nero.

Comparte nas túas redes sociais ou por email