A Editorial Galaxia vén de sumar un novo título á colección Feminismos: Pioneiras da ciencia en Galicia, da autoría de Manuel Rey Pan e Eduardo Rolland.
Acaba de chegar aos nosos almacéns este libro que aposta, ao igual que sucede co recentemente publicado Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros, de Xoana Torres, pola igualdade na ciencia.
Unha igualdade de dereitos que veñen loitando, dende moi atrás, as nosas pioneiras. O resultado dos seus esforzos é a nosa realidade actual. Sería impensable cuestionar o dereito das mulleres á educación, a ter unha carreira universitaria… pero o certo é que non sempre foi así. Ser muller sempre foi algo difícil. Abrirse camiño profesionalmente, aínda máis. E moi en especial en sectores, aínda a día de hoxe, moi masculinizados, como o da investigación científica.
Este libro aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia no noso país. Conta, pois, a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en tempos, incluso, en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender as máis básicas cuestión da vida. No camiño que aínda nos queda por percorrer para chegar a esa igualdade, tamén no eido científico, as mulleres que aparecen neste libro resultaron esenciais.
Investigadoras, teóricas, estudosas… todas elas puxeron as bases para que hoxe unha investigadora non sexa unha rareza dentro dun laboratorio…
A colección Feminismos aposta por axudar a visibilizar a causa das mulleres en Galicia, unha loita da que Galaxia séntese cómplice. O feminismo alterou, gradualmente, as perspectivas predominantes en diversas áreas da sociedade, tratando de liberar á poboación das imposicións patriarcais. Un camiño longo, no que aínda queda moito por facer.
Seguimos loitando, xuntas, cara a un mundo no que todas e todos poidamos ser a persoa que queiramos ser.
Manuel Rey Pan (Carballo, 1989) é xornalista e desde 2016 exerce como redactor no portal GCiencia. Traballou en varias etapas en La Voz de Galicia e Radio Voz e en 2017 recibiu o Premio Galicia de Xornalismo Científico por unha reportaxe sobre a Ataxia da Costa da Morte, tema que viu a luz no libro El mal sin cura de la Costa da Morte. SCA36. (2019).