Os mitos están aquí para quedarse, poderiamos dicir. Os mitos manteñen unha actualidade asombrosa. Begoña Caamaño (Vigo, 1964) bota man dunha cita de Álvaro Cunqueiro para reivindicar a utilización dos grandes referentes clásicos: Circe, Penélope, Ulises, o mundo da Odisea e de Ítaca, a espera da muller acosada polos pretendentes, a ausencia do esposo, Telémaco, a aventura e o amor lonxe de casa (e da patria), a lealdade, a loita polo poder, a guerra, a identidade, a condición da muller, o desexo…

Rodeada de amigos, que esgotaron as existencias na Librería Couceiro, a escritora presentou o seu primeiro título, 'Circe ou o pracer do azul' que a xulgar polas primeiras impresións entra pola porta grande. Goreti Sanmartín escribiu un fermoso texto de invitación á lectura, "a adentrarse no amor de Circe, no amor de Penélope, na descuberta", e que leron voces distintas dende as bancadas. Víctor F. Freixanes, o editor, evocou os primeiros pasos xornalísticos da autora en Vigo e saudou sen disimulos "a aparición dunha nova estrela na Galaxia". Uxía, que acompañou á novelista, cantou entre outros temas unha fermosa balada de Chico Buarque: "Mulleres de Atenas".

"Como dicía Álvaro Cunqueiro, creo que os mitos son noticias de última hora", comentou a escritora, "e a través dos mitos podemos viaxar pola representación que os seres humanos teñen de si mesmos, neste caso moi especialmente das mulleres". Begoña Caamaño reivindica a súa literatura dende o feminismo, unha nova ollada sobre as figuras arquetrípicas que ambas as dúas mulleres homéricas representan: Penélope a lealdade e a espera paciente, resignada na casa, o amor do fogar, a terra; Circe a meiga, a puta, o amor de fóra, a paixón, a aventura, os territorios diferentes e a conquistar… ¿Que hai de verdade e que de mentira detrás de ambas as dúas figuras? ¿Que historia de amor e identidades tece a novelista? As respostas, coma sempre, nos lectores e lectoras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR