En 1963, aqueles galeguistas que fundaron en 1950 Editorial Galaxia, botan a andar a Fundación Penzol (o verdadeiro “Arquivo Nacional de Galicia”, que non existe como tal figura), o arquivo privado máis relevante do noso país. Xosé Manuel Dasilva e Francisco Domínguez achégannos aspectos diferentes da Fundación: Dasilva dá claridade sobre a súa orixe e Domínguez, director durante anos da Penzol, lévanos ao grupo cultural O Castro e a súa relación coa Fundación.
Nese ano, Fernández del Riego propón á RAG a creación do Día das Letras Galegas, a iniciativa civil máis importante arredor da nosa lingua. A xornalista, Ana Abelenda, deita a súa ollada sobre a efeméride, onde toca aspectos para a polémica, sempre necesaria.
Ao redor de GRIAL sentamos, en diálogo coa escritora e académica María López Sández, a Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo (codirectores dende 2002 a 2019, e Monteagudo director actual), xunto co director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo, secretario do consello de redacción de GRIAL de 1989 a 2019, quen nos abren a porta do proceso de modernización da revista nestes anos.
O número complétase con outros traballos, como o de “Temas do Noso Tempo”, de Minia Monteagudo Vilavedra, arredor dos desafíos que nos formula a intelixencia artificial. Henrique Monteagudo asina un texto para o debate co gallo dos corenta anos da aprobación, por unanimidade, da Lei de normalización lingüística de Galicia (1983). Engádense unha “autopoética” dunha das nosas autoras máis celebradas, Fina Casalderrey; o artigo Beatriz Liz de Cea, sobre as relacións entre Del Riego e a arte galega; e, na sección de “Música”, F. Fdez. Rego asina un traballo sobre os 50 anos de Fuxan os Ventos, ademais das habituais seccións na revista.