Chega ás librarías Senlleiras, Premio Illa Nova de Narrativa 2018

Categoría: Nova

Estes días chega ás librarías Senlleiras, a novela coa que Antía Yáñez gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2018 para autoras e autores menores de 35 anos, un libro co que a autora debuta na ficción para o público adulto.
En Senlleiras unha influencer sobe unha foto ás redes sociais onde aparece unha man fantasma. Xusto unha semana máis tarde, a moza é atopada morta. A partir deste fío técense as vidas de varias mulleres de diferentes séculos. Mulleres que tiveron que vivir as súas vidas supeditadas ás dos seus homes, baixo as estritas normas non escritas (ou si) que as sinalaban como inferiores. Mulleres que, cando intentaron recuperar o único que lles pertencía por dereito, a súa vida, viron como ata esta lles podía ser arrebatada. Tempos que semellan totalmente diferentes, pero que non o son tanto. Mulleres senlleiras que merecen ser lembradas.
No mes de maio, cando se coñecía o fallo do Premio Illa Nova, o xurado xa destacara de Senlleiras que “as súas protagonistas, mulleres que teñen que contruír o propio camiño para atoparse a sí mesmas e, ás veces, para rebelarse, son das que non se esquecen”, e agora pódeste achegar a escoitar as súas voces nalgunha das presentacións que xa temos programadas nos espazos de El Corte Inglés en Galicia: o xoves 19 de xullo xa enchemos a sala de lectoras expectantes na Coruña, repetimos o venres 20 de xullo en Compostela e agora toca o xoves 26 de xullo en Vigo. Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email