Chega ás librarías A liberdade no século XXI

Categoría: Nova

Estes días chega ás librarías A liberdade no século XXI un interesante ensaio de Enrique Sáez Ponte no que se analizan os procesos actuais de acumulación de poder nos tres hábitats principais que facilitan a súa expansión: os aparellos político-burocráticos, o capital e a comunicación.
 
As sociedades do século XXI asisten con preocupación ao ascenso da desigualdade, ao imparábel crecemento do poder das elites económicas e políticas, á expansión da influencia de novos autócratas e dos sentimentos de pertenza á tribo, á progresiva radicalización de posturas dos cidadáns, reforzada polo mal uso e a manipulación das redes sociais… Non logramos que as mulleres consigan niveis de dereitos e oportunidades similares aos dos homes, mentres non cesa a violencia de xénero. O estado-nación, o recipiente institucional no que se desenvolveu o Estado de Dereito, perde confianza e poder, mergullado na globalización, e non avanzan solucións alternativas no plano das organizacións internacionais. Isto crea inquietudes e tentacións de voltas atrás Mesmo a construción da UE rexistra retrocesos importantes, como o que vai supoñer o Brexit.
Son procesos que se analizan neste libro e aos que se propoñen remedios, desde a óptica dun ensaísta independente e con longa experiencia en dirixir persoas e analizar procesos sociais. Para poder vivir nunha sociedade libre debemos combater sistematicamente as excesivas acumulacións de poder que se producen nunha Humanidade moi conectada, con moita máis poboación e dinamismo económico dos que tiña hai 250 anos, cando empezamos a deseñar as bases institucionais das democracias modernas.
Cada capítulo do libro pódese ler como un ensaio autónomo sobre o tema que trata. O conxunto de todos eles quere facer unha valoración xeral do marco actual. Así, o ensaio contén propostas de posibles novas medidas, ou de ampliación das que xa existen, para tratar de mellorar as condicións en que operan as institucións e evitar ou, como mínimo, dificultar o crecemento de parasitos autoritarios nas estruturas políticas, económicas e de comunicación da sociedade do século XXI.
Enrique Sáez Ponte (A Coruña, 1947) é licenciado en Economía e Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e MBA polo IESE (Barcelona). Asistiu a cursos de especialización na Northwestern University (Illinois, USA) e na Universidade de Cambridge (Reino Unido). Traballou durante trinta anos no Banco Pastor, ocupando postos de alta dirección nos derradeiros catorce anos desa etapa, que rematou no 2003. Na actualidade, ademais de ser administrador de varias sociedades, preside a Fundación Juana de Vega, é patrón do Museo do Pobo Galego e asesor do IGADI. Á marxe da súa actividade profesional, interesouse especialmente por temas relacionados co comportamento colectivo, o desenvolvemento, o funcionamento da economía somerxida e a situación de Galiza. Publicou numerosos artigos, ademais de participar en obras colectivas, e é autor de dous ensaios: O mundo e nós (1999) e La energía oscura del dinero (2007).

Comparte nas túas redes sociais ou por email