En Galaxia celebramos o Día Internacional da música coa chegada ás librarías de dúas novidades editoriais na colección Sonárbore, e facémolo viaxando No país do vento de Charo Pita da man dos Monstros con ou sen consentimento de Chuches Amil. Sonárbore, esa colección para que os máis pequenos canten e bailen en galego e que tantas alegrías nos deu no que levamos de curso!
No país do vento nada queda quieto, os pés bailan, as saias xiran e moitas melodías e alguhas pequenas historias van buscando orellas que as escoiten e labios que as cantaruxen para seguir vivas montadas no lombo das brisas e dos furacáns que atravesan o libro nas ilustracións de Óscar Villán. Ademais, se queres ir sabendo algunha cousa sobre as criaturas que o habitan, podes botar man dos Contos do País do Vento descargándoos na nosa web.
O novo libro+cd de Chuchues Amil tamén inclúe contos, soños… mais sobre todo monstros, Monstros con ou sen consentimento. Cancións para gozar en familia, cun sorriso nos beizos e moito ritmo para erguer o ánimo e non parar de bailar. Todo isto, coa axuda das ilustracións de Manel Cráneo, que nos ensinan onde é que habitan os monstros e cales son as súas afeccións predilectas.
No Día Internacional da Música non deixedes de cantar e bailar en galego, nós non temos pensado parar!