Castelao, unha figura esencial da cultura galega

Categoría: Nova

O día 30 de xaneiro, hai 135 anos, nacía en Rianxo Alfonso R. Castelao. Considerado o pai do nacionalismo galego, foi un intelectual comprometido coa terra e coa cultura. A súa personalidade, totalmente versátil, reunía as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX.
Dende moi novo, manifestou as inquedanzas e o compromiso político que mantiña con Galicia, que se pode ver reflectido en Diario 1921, unha obra que dá conta do ano en que Castelao descubriu Europa, a súa xente, a súa sociedade, a súa arte… Este libro é o resultado de toda unha visión persoal, pura, en que o autor amosa o dominio de todos os xogos do humor. Coñecer ese mundo fixo que afianzase a súa idea de identidade propia e a necesidade de defender a cultura galega
Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica.
En Editorial Galaxia, publicamos no centenario da Xeración Nós, Alba de groria, de Castelao, ilustrada por Ana Santiso. Unha nova edición en que a recoñecida ilustradora recrea os personaxes dos que fala o rianxeiro no seu derradeiro discurso. Neste libro desfilan todas as grandes personalidades de Galicia, representando á perfección o universo galaico do seu autor. Un diálogo feliz entre o pasado e o futuro do que todas e todos podemos ser testigos grazas á sinerxia do legado de Castelao e o talento de Ana Santiso.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email