Castañas asadas, cocidas, crúas…

Categoría: Nova

Din os produtores que este ano caeu a produción de castaña por mor da ausencia de choiva e polas altas temperaturas de setembro.
Sen embargo, os nenos e as nenas de Galicia lánzanse nos colexios a facer o Magosto, a celebrar a festa da castaña, a pintar a cara co chamizo. A vivir a festa.
O Magosto é unha das festas importantes do noso calendario cultural. Unha celebración cuxa orixe se perde no tempo e que pon do mesmo lado ás persoas e aos froitos da terra máis brava.
No noso catálogo para os máis pequechos, e dentro da colección 'Pimpín por aquí non vin' publicamos unha serie de libros centrados nestas celebracións populares tan queridas polos máis pequechos da casa. Entre outros, polo Magosto.
Ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, de quen hoxe publicamos un artigo no noso blog, o volume desprégase en xeito de abano para que os nenos e as nenas, ademais de aprender moitas cousas divertidas sobre o Magosto poidan tamén xogar co propio volume.
Haberá poucas castañas este ano. Pero non por iso imos deixar de facer o Magosto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email