A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É… e o Concello de Mondoñedo convocaron a segunda edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 co obxectivo de establecer vínculos entre a cidade que lles dá nome e as mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos. Na edición correspondente a este ano 2017, o Premio Mondoñedo10 concederase na modalidade de Poesía á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2007 e 2016, ambos inclusive.
Entre as trece obras finalistas, dous libros de Galaxia: Carne de Leviatán (2013) de Chus Pato e Estúrdiga materia (2008) de Luis González Tosar.
Con Carne de Leviatán, Chus Pato pecha a pentaloxía poética que a deu a coñecer internacionalmente como unha das poetas contemporáneas máis singulares do panorama europeo. Ademais, nesta obra a autora vira cara a unha escritura directa; trátase dunha poética que, por ausentarse totalmente dos obxectos, da expresión e da significación, intenta dar conta dos corpos, do mundo, dun eu e do seu pensamento.
Pola súa banda, Estúrdiga materia, último poemario de González Tosar, vía a luz no 2008 nunha coidada edición con ilustracións ao cargo de Manuel Quintana Martelo. No prólogo da obra, X. L. Méndez Ferrín afirmaba: “este libro de Luís González Tosar arrastra por popa toda a literatura galega e parte da feita noutras linguas que o autor frecuenta. Nesta tradición e diálogo de culturas Estúrdiga materia é unha lección maxistral que ha perdurar alén da nosa morte”.
O xurado encargado de fallar o premio reunirase o vindeiro domingo, día 15 de outubro ás doce do mediodía na Biblioteca do Seminario “Santa Catarina” para
escoller a obra gañadora desta segunda edición do certame. Ao remate da sesión farase pública a decisión do xurado.
A entrega do premio celebrarase o domingo, 22 de outubro no Auditorio “Pascual Veiga” no transcurso dun acto solemne que dará comezo ás 12 e media do mediodía. O autor ou autora do poemario seleccionado recibirá unha peza escultórica única realizada polo artista plástico Juan Bautista Puchades Quilis e un diploma acreditativo deseñado por J. Pedro Gómez.